Rodeando todo o Val de Traba álzanse os escarpados e rochosos "Montes ou Penedos de Traba", formados por catro cumes ou penedos: "Pena dos Mouros", "Pena Forcada ou Gallada", "O Castelo" e "Torre da Moa", estreitamente relacionados polas caprichosas formas das súas rochas que gardan misteriosos segredos do pasado.
É realmente un destes cumes, a Torre da Moa con 241 metros de altitude, a máis importante destes penedos debido o emprazamento neste lugar dunha importante ara de sacrificios. Moi probablemente e debido as súas características poderíase afirmar que se trataría dunha das tres históricas "Aras Sextianas" mencionadas polos primeiros testimonios históricos escritos sobre o Noroeste Hispánico feitos por diferentes historiadores romanos como Estrabón, Mela, Ptolomeo ou Plinio.
As "Aras Sextianas" foron mandadas construir polo xeneral romano Sextius cara o ano 19 antes de Cristo como monumento adicado ó emperador Augusto. Nelas conmemorábanse as victorias das lexións romanas nas últimas campañas das guerras galaico-cantabra-astures con cruentas liturxias paganas de sacrificio de animais e humanos.
Na Torre da Moa, formada por enormes bloques soltos de rochas graníticas de diversas e caprichosas formas zoomórficas, todavía se poden apreciar restos destes altares, algúns con pilas de sacrificios en forma elíptica asimétrica e outras de forma máis circular, mellor traballadas e menos profundas. Probablemente neste lugar sacrificaban os romanos animais (cabras, cabalos, porcos?) e incluso prisioneiros humanos.
Tamén se cre que debido tamén as súas características outros dous penedos a "Pena dos Mouros" e a "Pena Forcada" foron usadas no pasado como lugares de sacrificios polos celtas. Na "Pena Gallada", por exemplo podemos contemplar nun dos seus inmensos bloques de pedra o grabado dunha gran cruz de brazos equiláteros signo, tal vez, dunha probable cristianización na Idade Madia ó non poder ser destruido o monumento relixioso-pagano.
De tódolos xeitos, os Penedos de Traba chaman moito a atención polas diversas formas de animais e humanas que representan gran parte das súas inmensas rochas, ás que o seu difícil e complicado acceso danlle máis verosimilitude a crenza xeral de que estes lugares foron empregados na Idade Antiga para o sacrificio de animais e incluso persoas por Celtas e Romanos (Aras Sextianas).
Asemade, dende estes Penedos pódense contemplar unhas impresionantes vistas que abarcarían dende Arou e Camelle, todo o Concello de Laxe e Corme.