Saltar navegación
Asociación Cultural Valverde

TURISMO EN TRABA: Presentación

Traba é a parroquia máis importante históricamente do Concello de Laxe e a segunda en poboación despois da capital municipal, da que dista pouco máis de 7 Km e á que se chega pola estrada local que vai cara Camariñas.

O seu nome deriva da palabra latina "tabula", que en galego significa "tabla", pois o topónimo Traba fai referenza a territorios chás ou a regos de auga con pouco desnivel, definición que se axusta perfectamente ás características desta parroquia.

Vista de Traba
Delimita ó Norte co Océano Atlántico e Soesto, ó Leste con Serantes e Nande, ó Sur de novo con Nande e Calo (Vimianzo) e ó Oeste con Carantoña (Vimianzo), convertindose, así, na parroquia máis extensa do Concello de Laxe pois abarca unhas 1.140 Ha.

Traba, coma tal, non existe coma un núcleo urbano concreto, pois fai referenza a todo o Val no seu conxunto composto de multitude de aldeas e lugares entre os que podemos destacar Mórdomo, Boaño, As Melgueiras?etc.

O Val de Traba é un val costeiro pechado que dá fronte ó mar e que constitúe un brusco e espectacular corte ou interrupción entre a Serra de A Pena Forcada e as alturas que se extenden ó nordeste cara a Ría de Laxe. Apenas mide uns 3 Km de fronte na súa parte máis ancha.

Nembargantes, a pesares da súa escasa extensión, neste Val podemos distinguir alomenos os seguintes hábitats diferentes:

- Mar aberto
- Acantilados costeiros e furnas
- Landas costeiras
- Praia
- Dunas
- Praderías de trasdunas
- Lagoa e río de desagüe da mesma
- Cañizais
- Praderías inundables poboadas por macrófitos
- Regatos que desembocan na lagoa
- Xunqueiras salgadas
- Soutos de ribeira
- Hortas
- Caseríos
- Montes repoblados
- Os Penedos

Asociación Cultural Valverde