MEMORÍA HISTÓRICA: Descrición
"O máis importante dun pobo é ter memoria histórica, queremos con este acto revivir a nosa historia, os nosos valares, saber de onde vimos, para ter claro a onde imos”
Asociación Cultural Valverde
Durante o mes de decembro de 2005, a Asociación Cultural Valverde, coas colaboracións do Concello de Laxe e a Deputación da Coruña, organizan unha serie de conferencias históricas e unha exposición fotográfica sobre a historia da parroquia de Traba titulada "Traba na memoria".
A primeira das conferencias tratou sobre a “Igrexa de Traba. Traba e a súa historia” impartida polo grande historiador de arte e etnografía Xosé María Lema Suárez na que nos explicou a historia da igrexa dende os seus comezos ata a época actual, así como a historia das familias fidalgas que habitaron a parroquia. O outro tema era “As nosas festas” impartido por Victor Parga Castiñeira, membro da Asociación Valverde, que explicou a orixe das festas actuais da nosa parroquia e a pervivencia delas a través das cofrarías parroquiais.
A segunda das conferencias tratou sobre “A Lagoa de Traba. Patrimonio natural”, na que o historiador natural Xosé Luis Rabuñal explicóunos como se formou a lagoa, a flora e a fauna que habita e como debemos de protexela para evitar así a súa pronto desaparición.
O outro tema era o “Muelle Comercial de Arnado” impartida polo Presidente da Asociación Cultural Valverde Don Anxo Álvarez Amado na que nos explicou o antigo comercio da madeira, cando os serradores embarcaban a madeira na praia nunhas lanchas e a levaban mar afora para logo volver a embarcala nos “pataches” ou pequenos barcos de cabotaxe.
A última das coferencias tratou sobre “Topónimos. Os nomes da nosa terra” na que o profesor Xosé Vidal Rodríguez nos explicou a orixe dos nomes dos montes, leiras e lugares da parroquia de Traba.